martes 24 de noviembre de 2009

Manifestacións

Atopámonos nun momento social no que manifestar abertamente o que non é da opinión xeral supón de inmediato ser tachado de calquera extremo. Aínda así as minorías de pensamento deberían ter o seu espazo respectado, apostar pola proliferación de bichos raros, especies extrañas que opinen distinto e que non se deixen arrastrar pola marabunta.

Púxose de moda o fenómeno das manifestacións como moito máis ca actos de rebeldía e de transmisión conxunta de ideas. Púxose de moda como encontro social, acto festivo, ocasión lúdica e amoreamento de intencións que ó final acaban por diluírse na forma sobre un fondo borroso.


Por iso, aínda entrando na perigosa categorización da rara avis, manifesto publicamente a miña incredulidade e o meu escepticismo ante a valía da concentración masiva de ideas, pois se os impulsos tamén se globalizan acabarán globalizadas tamén as enerxías. E diluídas.

E cando a manifestación vai contra alguén -piratas, terroristas... xa que polo visto se distingue o termo en función da nacionalidade....-, e non tanto contra algo ou contra unha idea, posta no pelexo dos aludidos, unha manifestación multitudinaria sería para min o maior motivo de éxito: se eu son "o malo" e milleiros de persoas se manifestan pola miña causa, ese será para min motivo de ledicia, de éxito, de orgullo. Nada lle gusta máis á xente ca que falen dela, ser protagonistas, mover xente pola súa causa, sobre todo cando procuran notoriedade e bombo mediático, para o cal as manifestacións son un excelente caldo de cultivo.

Non serei quen quen faga sorrir a "os malos", se é que alguén é capaz de dicirme cales son.

*Volvín. Non era sen tempo.

jueves 29 de octubre de 2009

Noite estrelada

O bo que ten a arte é que cadaquén ve nela o que interpreta a través da súa propia lente.

Este cadro que Van Gogh chamou Noite estralada é para min unha explosión de cor e de fantasía que me fai lembrar ó Principiño de Antoine Saint Exupéry.

Pero a C. provócalle desacougo, desorde, caos e malestar, e por iso optouse por descartalo como parte da decoración dun lugar no que se procura a armonía, a calma, o refuxio.

É curioso como algo tan aparentemente simple como uns trazos de cores poden provocarnos empatía, rexeitamento ou tristura.
Que non fará unha carta de amor.

miércoles 21 de octubre de 2009

País en minibús

Conservo tímidos recordos de cando a tía María nos levaba a min e a meu irmán no coche vello de Puntero á feira do 12 da Golada (antes era A Golada...). O vello de Puntero caracterizábase por ser o mixto, un sitio no que iamos todos: nenos, vellos e animais, e no que volviamos menos: nenos, vellos e paquetes mercados na feira á conta da venda dos animais.


Na parte traseira daquele autobús que daquela me parecía enorme, viaxaban os animais na súa primeira e última viaxe en berlina, e como ás veces non cabían todos, os mozos ían na parte de arriba do autobús, con vista preferente.


Hoxe os autobuses que pasan polas aldeas encolleron como encolleu a xente que sube neles. Varias veces ao día pasa o minibús da escola, porque para os nenos que hai sobra o minibús de Puntero. E un pouco máis tarde pasa outro minibús arrecadando aos vellos que van pasar a xornada ao centro de día.


E as vacas, que xa non miran pasar o tren, mirarán agora pasar os minibuses que nunca para para elas.

jueves 8 de octubre de 2009

Escola de inglés

As aldeas agochan onde menos pensamos personaxes curiosos, universais, que poderían vivir coma ananos de xardín en calquera parte do mundo. Ninguén diría que en Niñodaguia hai unha escola de inglés privada na que nunca se deixa de aprender.

O meu veciño emigrou a Inglaterra no tempo no que a metade dos galegos andaban espallados polo mundo enchendo a flatriqueira de vida. Sen máis escola ca o xornal de todos os días, comunicouse cos ingleses en clave de supervivencia antes de que puidese voltar á súa parroquia, que coma todas as parroquias de emigrantes, garda sempre un aloumiño de saudade para o que retorna.

Décadas despois, retirado, e de volta xa na rutina da súa aldea, leva cando vai coas ovellas un pequeno dicionario de inglés. Di que as cousas hai que repasalas para que non esquezan.

Entre os papeis nos que anota os recados dunha casa de labranza de todos os días están copias e copias de palabras repetidas en inglés, escritas á sombra de calquera carballo, porque seica "repetindo as palabras é como mellor che quedan na cabeza".


Pasaron décadas dende a última vez que oiu falar inglés, pero el renova o seu vocabulario co seu dicionario de peto, coas copias que repite unha e outra vez e polas que aprende palabras novas. "E se ides a Londres vide por aquí que vos dou eu un libriño para que levedes".
Para aprender, como para gozar dos solpores, seica nunca é un vello.

martes 6 de octubre de 2009

O "Cuervo y Sobrino"

Durante moitos anos foi el quen nos daba a hora máis exacta.
Quitaba do peto o seu "Cuervo y Sobrino" e dicíache con exactitude a hora que marcaba antes de volvelo gardar no seu chaleque. "Xa son..."
Agora o papá José xa non emprega reloxo porque non o precisa, porque as horas sonlle todas unha boa hora para recibir un xiro.

Aínda así, sobre a súa mesiña de noite temos sempre o seu Cuervo y Sobrino, por se lle ven a ansia de querer saber que hora é.


Ás veces estaría ben facer coma el, sacar o reloxo do peto do chaleque e deixalo enriba da mesiña sen ansia, sen que nos persiga, sen que nos engula o ritmo das súas agullas, que parece maino, pero que nos vai pisando sen que nos decatemos.

jueves 17 de septiembre de 2009

Competencia feminina

Din que o home é un lobo para o home, e que as mulleres somos peor ca lobas para as mulleres.

É un tópico o que di que entre nós somos máis agresivas, que damos onde máis nos doe porque coñecemos como mulleres as eivas e os puntos fortes das que son coma nós.

E se cadra é unha realidade que afiamos os dentes e as uñas con máis vigor contra outras mulleres para que non nos pisen o terreo porque inscoscientemente só temos medo de que nos supere ou nos dane outra muller, nunca un home.

O fragmento do artigo que traio a esta Lareira fala do acoso entre mulleres xefas e subordinadas como "o colmo da revolución igualitaria no traballo". Pero eu penso que non se limita ao traballo, senón a todos os ámbitos da vida nos que a competencia entre mulleres é sempre máis atroz ca cando os que compiten son homes.

martes 15 de septiembre de 2009

Tempo de apañar as patacas

Setembro arrecende ao ulido das patacas na terra, que baten co seu sanmartiño entre o San Ramón e o catorce da Ponte. Van Gogh debeu pensar nos galegos cando pintou Os comedores de patacas, porque non hai festa nin xantar mantedor no que non se coza na cociña económica unha potada de patacas.

Apañalas é tarefa familiar. Co cesto do aro, cos goxos ou cos tinóns que foron substituíndo aos bimbios vaise xuntando a xente para encher despois a eira coa recolleita. Son boas, este ano non teñen moito bicho. Non están moi comidas. Éche un tamaño xeitoso. Veremos se damos xuntado as do asado...

Miña madriña anda na década dos corenta. Muller de idade media, prototipo das persoas que están a sustentar as leiras galegas. Esta semana aqueixouse dos cadrís e o médico de cabeceira deulle vez para o traumatólogo:
- Y cuénteme, ¿cómo empezaron las molestias?
- Pois verá: desde o día que fomos apañar as patacas, que sentín unha chuzada no lombo, e quedoume esa postura que non me dá marchado.
O médico gardou uns segundos de silencio, e espetoulle sen trazas de dúbida:
- Pero señoriña! Como se le ocurre ahora, a su edad, ir a recoger patatas!

... Non hai máis comentarios.